lunes, 5 de noviembre de 2007

5 de novembro

Creo que neste momento e logo dun mes (xa pasadiño) de clase convén facer unha reflexión. Non lle toquei para nada a este blog, pero non é que non pensara ou escribira "para él", é só que intento acomodarme a esta tolemia de asignaturas, traballos, grupos, novos grupos,..., na que me vexo inmersa. A algunha xente xa lle propuxen ir vivir xuntos...

Por outra banda, pensando en que pór por aquí lembreime dunha carta de benvida que nos entregou o ano pasado certo profesor e que pideu que lla contestaramos. Apetéceme que apareza neste blog porque penso que é unha boa declaración de intencións pola miña parte:

Benquerido profesor de:

Aínda que sexa un pouco brusco o comezo, resúltame difícil chamar de “amigo” a unha persoa que pouco coñezo, máis aínda cando para mín a “distancia” profesor-alumno é algo a manter. É unha distancia necesaria, non só xa polo respeto, senón tamén dende a amizade, xa que non se pode (ni debe, ó meu entender) mesturar o que é a práctica profesional co trato personal máis directo: cada un ten o seu espazo e as súas necesidades.

Gústame recibir cartas. É unha alegría que alguén pense en tí e che adique uns momentos de intimidade para dirixirte unhas palabras.

Eu, neste momento, estoume situando neste novo espazo. Dificultosamente. Penso tódolos días no que estou facendo. Penso moito, e estou entrando en batalla contra min a diario. Non sei se quero escapar das gañas de meter a cabeza nun burato ou dunha universidade á que deixei xa moitos anos atrás logo de conseguir un “papeliño” e diante da que xurei (“literalmente”) “non volver a coller un libro aínda que me pagasen”. O descontento universitario fixo mella en mín: que pouco aproveitei o tempo!, que pouco aprendín a pensar!, que pouco me quixeron axudar a aprender!. Foi un fallo pola miña parte. Estou convencida que naquel momento non fixen unha boa elección, pero tamén foi fallo desta institución que, a veces, penso que demasiadas, acaba aborregándonos.

E agora, xa ves, estou aquí de novo. Ocupando ountra vez este espazo. E pensando unha e outra vez en mín e en cal é a razón de que con 37 anos, con pequenos traballos en precario, cunha familia, volva a ocupar “un espazo”.

Creo que teño unha boa razón: as experiencias da xente que me rodea e, por suposto, a miña. Creo que ésta é a miña vocación (ó mellor tardía). Chego aquí logo dun traxecto emocional e familiar, sobre todo emocional, que me levou (coma a outra moita xente) a participar en algunha aventura “social”, que no meu caso foi por unha parte moi gratificante pero por outra tremendamente demoledora: pódese facer moito, pero a maioría das veces é frustrante (ben porque non saber ou porque non eres capaz) e a impotencia rómpeche por dentro. Pero, aínda así, gustaríame poder conseguir este outro “papeliño” que me poida abrir as portas (ou non, estou intentando que esto me dea case igual) a unha nova práctica profesional.

Como dicía antes, estoume adaptando.Cóstame moito. Intento ubicar todas estas cousas “que nos estades ensinando” e buscarlles un lugar nas miñas necesidades de saber profesional. Creo que o qué estou facendo é, unha vez que creo saber máis ou menos qué é o que fan ou pretenden facer os Educadores Sociais, situarme ben arriba para tomar perspectiva e poder observar con precisión todo o que necesitamos para exercer esta profesión, para que dentro de tres anos, coa mochila ben cargada de coñecementos os poidamos aplicar.

Non quero parecer inxenua, pero é que cada día “creome e recreome”, pero esto resúltame doloroso. Supoño que é o desconcerto do principio de calquer aventura, pero aínda que non teña as hormonas tan revolucionadas como cando tiña 18 anos, tamén necesito satisfaccións e espero atopalas aquí, e de momento non atopei ningunha. Espero que cheguen pronto. Supoño que virán das mans da xente que exerce a súa profesión cono Educador Social, día a día. Desas experiencias que poden facelle pensar a un que está vivo e que pode ser útil, porque neste mundo no que vivimos, o que necesitamos moitas veces é despertar e darnos conta de que “realmente” servimos para algo e ese algo, á marxe de axudar os demais, é ante todo, axudarse a un mesmo, que creo que é o que no fondo fai un Educador Social.

Gustaríame que esta carta non sexa a última do cuatrimestre. Non só hai que dar a benvida, tamén hai que saber de un a medida que o tempo pasa (eso é o que fan os “verdadeiros amigos”). Supoño que non será posible: ese tempo pasa rápido e sempre hai outras cousas nas que pensar. Dentro de catro meses esto xa non importará e teremos outras necesidades. Esto vai depresa.

Sei que o próximo que che escriba, se é que o medo non me venceu, será o exame, que tamén ten bastante de carta e de intimidade.

Agora sí que pouco máis teño que dicir, un saúdo e vémonos no mundo.


Esto é o que eu escribín o ano pasado o comezo do curso, e salvo por algunhas incoherencias expresivas sego a pensar o mesmo. E sego co mesmo (e máis) entusiasmo que o ano pasado. É unha sorte que me dera esta segunda oportunidade aquí. Falando o venres pasado coa persoa que dirixe a institución onde pretendo desenvolver o Prácticum, ela preguntábame que me estaba parecendo Educación Social e volvín repetir ese porque de que me gustara e me siga a gustar. Ademais eu prefiro ás persoas antes que as institucións ou as asignaturas. É delas das que se aprende s son elas coas que quero aprender.

Pasando á asignatura de Dificultades da Linguaxe sorprendeume que fixeramos dinámicas en torno á comunicación. Esperábame unha asignatura máis teórica e esta parte "práctica" resulta moi agradable, á vez que nos damos conta dos problemas que temos á hora de escoitar e facer que nos escoiten. Tan importante é escoitar como o contrario, porque o que nós temos que dicir tamén pode enriquecer o que se está a debatir no grupo e pode aportar algo á resolución do problema e moitas veces non somos capaces de expoñer correctamente o noso punto de vista ou aínda argumentando correctamente, a linguaxe non verbal que empregamos (posturas, coletillas desvalorizantes,...) desvirtúan o noso discurso. Pero penso que se suele dar máis importancia ó feito de escoitar. Parece unha posición máis politicamente correcta. Non sei. Esta é a miña reflexión.

O que si está claro é que o traballo en grupo, ben levado ou ben desenvolvido, é moi enrriquecedor. Tes a oportunidade de coñecer o punto de vista dos outros e de apreciar detalles nos que un nin tan siquiera reparara antes. Require dun esforzo enorme por parte de tódolos integrantes do equipo, pero hai que ter en conta que un equipo é como un ecosistema, é dicir, hai de todo: o depredador, o parásito, o que se mimetiza,... Pero. a pesar das cousas negativas que poida haber, penso que é a mellor maneira de traballar, sobre todo no campo social.

Estamos desenvolvendo un traballo no noso grupo que xa casi temos rematado. Como é o primeiro é un pouco "light". Recopilamos bastantes datos e penso que nos estamos excedendo. Para cortar sempre hai tempo. Quedei eu de correxir o que levamos feito pero a día de hoxe aínda non atopei un oco. O venres pasado abrín o arquivo e empecei a ler. Deume pereza, corrixín tres ou catro palabras e volvín pechar. Estou un pouco saturada de ler tanto texto, de reunirme con tanta xente, de ter tantas asignaturas diferentes ás que atender, de ter que facer tantos traballos... Necesito un pouquiño de tempo para poñerme ó día, pero dame a impresión que só vou ser capaz de facelo o día 2 de xullo cando remate con tódolos exames.

Pouco a pouco as cousas (supoño) que irán saindo.

E agora cun pouco de retraso escribirei as reflexións logo da primeira semana de clase, ou sexa, alá por outubro:

Primeiro día de clase e xa empezan a pedir.
Temos que presentarnos
e dicir de quen somos
se queremos saír.

Fala a "lareta" de Irene
que a vella non me gaña
aínda que ela o diga
vai soar a patraña.

Moitas referencias ós vellos,
o prácticum deixou pegada en nós.
A Paloma Seijo fixo un bo traballo.
Non poden vir conferenciantes tan bos.

O tamaño do grupo gústame,
aínda que se diga que éste non é importante
penso que é un número bo
para levar as cousas adiante.

Primeira proposta de traballo,
logo de ler algo de Herman Hesse.
Xa me ronda pola cabeza un blog.
Espero que logo non me pese...

Segundo día e pídenos que rimemos.
Poñémonos de dous en dous
para pensar, reflexionar e
intentar que nos comuniquemos.

Estamos espesos, espesos.
Só saen definicións.
Menos mal que un par de compañeiras non teñen medo
e xogan coas formas e expresións.

Visión optimista da comunicación,
para eso queremos ser educadores
só chegando ós demais
seremos uns bos mediadores.

Remata así a primeira semana de clase.
Novo curso, novos agobios.
Co ben que podía estar eu na casa
facendo abalorios!

No hay comentarios: