viernes, 7 de diciembre de 2007

Vivan os xogos coa língua!!!

7 de decembro 2007

Xa levo outro mes máis sen escribir. O tempo pasa e un case non se da de conta. Cando paras un momentiño e reflexionas, alá vai, un mes máis. E éntrache o pánico: e eu sen escribir nada no blog!! E o diario de clase? ...
O certo é que este mes andiven (e ando aínda) un pouco despistada. Uns problemiñas de saude, outro familiar,..., e as clases as xustas, que non són as necesarias, como alguén diría por aí.
Si faltei a algunhas clases e perdinme algúns apuntes. A dicir verdade o que máis me fastidia perder son as prácticas que facemos na clase. Dan para rirse un pouco e eso está moi ben. Ademais de escribir, que aquí parece que só escribimos cousas, así como, moi sesudas e perdemos todo o pracer de adicarnos ás letras, sen máis, só polo pracer de xogar e divertirse, de crear, de compartir.
Vou escribir aquí a "maravillosa" composición que o meu grupo realizou logo dun tremendo esforzo e despois de non poucos risas. A cousa estivo ben, aínda que necesitamos mellorar moito, pero eu penso que para un"progresa axeitadamente" está. Aí vai:

"A Bárbara Barcia Bugallo caíalle un líquido viscoso cada vez que descendía á cancha dun xogo de equipo practicado entre dous equipos de cinco xogadores cada un e vía a Balbino Bermúdez Balboa dando botes á pelota. Bárbara chimpáballe beixos dende o lado do campo, observando os músculos de Balbino, duros como dous corpos esféricos dun xogo de salón de tanto subir e descender fardos e recipientes para o envasado de gases en estado líquido na taberna na que xogaba a un xogo de cartas regularmente.
Coñecéranse no lugar que dispón dunha colección de libros cando andaban á procura de libros da ciencia que estuda ós seres vivos e da rama da mesma que estuda ós vexetais para preparar o exame dos estudos oficiais de segunda ensinanza.
Logo, Balbino invitouna a cear nunha embarcación de tamaño grande e alí cearon touciño de porco e peixe teleosteo pinchado nun pau, acompañado dun viño de cor clara".

O certo é que esta narración case produce arrepíos, pero estivo ben. Usámolo o diccionario que xa o tiñamos esquecido na casa, algún case tiña máis anos ca min, que xa é dicir, e rímonos un pouco redactando entre todas.

Logo desta práctica fixemos outra que tamén estivo moi ben, a da descripción. A min gústame ler e tamén me gustaría escribir, supoño que xa o terei que deixar para cando sexa vella, porque "grande" xa son, e como di o refrán "xa me pasou o sol pola porta".
Eu quixen describir unha froita e rápido me veu á cabeza a granada. Esta foi a miña descripción:

"A priori, pola súa cor e tamaño poderíamos pensar que é unha laranxa ou incluso un pequeno pomelo, pero a súa pel a delata: lisa e dura, o suficiente como para necesitar dun coitelo para poder descubrir a abondosa fartura do seu interior. Cortala, abrila, esmigallala, separala en pequenos cachiños cos dedos e tocar esas perliñas roxizas e transparentes... Para logo comelas, de vagar, notando como o mastigalas estoupan na boca.
Bombiñas doces para comer cos ollos pechados".


A min gustoume, ten un toque infantil e tamén bastante sensitivo. Lémbrame ós contos para nenos.

Espero seguir a xogar para a próxima semana. Temos a encomenda de buscar adiviñas. Eu un día teño que faltar que vou de excursión (a miña primeira excursión na facultade, e eso que xa é a segunda titulación pola que paso) pero espero que a profe espere por nós e tamén poidamos ir "xogar" a clase.

Como di Mafalda: CHAU!